O cabeza de lista do BNG mantivo onte na Torre de Pardo de Cela un encontro co tecido asociativo do Valadouro
Explica que as obras do parque empresarial de Valadouro-Alfoz, que contan cun investimento de 3,3 millóns de euros, comezarán "tan pronto como a Consellería de Medio Ambiente desbloquee a construción da depuradora de augas residuais"
Lugo, 9 de febreiro. O cabeza de lista do BNG pola provincia de Lugo, Fernando Blanco, comprometeu onte en Alfoz o comezo das obras do parque empresarial do Valadouro "en canto se desbloquee a situación da depuradora de augas residuais por parte da Consellería de Medio Ambiente". O candidato nacionalista, que se reuniu onte na Torre-Fortaleza de Alfoz co tecido asociativo do Valadouro, insistíu en que "a Consellería de de Vivenda e Solo, do BNG, ten todo listo para comezar as obras de inmediato; só falta que o Concello e Medio Ambiente desbloqueen a contrución da depuradora", explicou.
Fernando Blanco destacou que "o BNG creou nestes catro anos máis solo empresarial que o Goberno do Partido Popular en 16" e destacou "a aposta do BNG por crear solo empresarial na comarca da Mariña". Neste sentido, incidíu en que dende que o BNG goberna na Xunta foron xestionados un total de 17,9 millóns de metros cadrados de solo empresarial, cifra realmente importante se se ten en conta que durante 16 anos de Goberno do PP na Xunta soamente se executaron 10 millóns de metros cadrados de solo empresarial.
Explicou que se están a desenvolver neste momento arredor de 4 millóns de metros cadrados de solo empresarial na provincia de Lugo, cun investimento total previsto de 105 millóns de euros. En concreto, na comarca da Mariña, a Consellería de Vivenda e Solo está a desenvolver actuacións no parque empresarial de Landrove, en Viveiro, con 150.000 metros cadrados de superficie e un investimento de 3,5 millóns de euros; na segunda fase do parque empresarial de Foz, cunha superficie de 45.000 metros cadrados; na segunda fase do parque empresarial de Barreiros, cunha superficie de 56.000 metros cadrados e 670.000 euros de investimento; e no parque empresarial de Cuíña, en Cervo, cunha superficie de 137.000 euros e un investimento de 170.000 euros.
O Parque Empresarial de Valadouro-Alfoz contará cunha superficie total prevista de 250.000 metros cadrados distribuídos en tres fases, dos que a primeira fase terá 118.000 metros cadrados, e conta cun investimento de 3,3 millóns de euros para o seu desenvolvemento.
Novo modelo contra a especulación
Fernando Blanco destacou ademais que "por primeira vez neste país existe unha programación rigorosa do solo empresarial articulada e na que o solo produtivo se planifica con criterios de país, en base a dous parámetros: a demanda empresarial e o reequilibrio territorial, tendo en conta ás necesidades de comarcas coma a da Mariña, cun importante potencial de desenvolvemento que é necesario atender".
O candidato nacionalista explicou tamén que "desde que chegou ao Goberno o BNG estableceuse en materia de solo empresarial un novo contrato de compravenda de parcelas nos parques desenvolvidos pola Xunta para evitar a especulación". A día de hoxe, todas as parcelas véndense previa presentación dunha documentación rigorosa na que se explica o proxecto empresarial, incluíndo investimento, liñas de produción e postos de traballo estimados. A empresa ten un ano para solicitar a licenza de obra e dous anos para construír a parcela. En caso contrario, a parcela reverte á Administración cunha penalización do 20% e a Consellería a oferta de novo ás empresas.
Turismo: un proxecto conxunto para a Mariña
No encontro celebrado onte na Torre-Fortaleza de Pardo de Cela en Alfoz, Fernando Blanco destacou tamén as "importantes posibilidades de crecemento do sector do turismo na Mariña" e destacou que o turismo representa o 12% do PIB galego e o 13% en termos de emprego e indicou que o obxectivo do BNG para a vindeira lexislatura é crear en Galiza, vinculados ao turismo, 25.000 postos de traballo, dos que 7.000 corresponderían á provincia de Lugo.
O candidato do BNG apostou por "desenvolver un plan conxunto de promoción de toda a comarca da Mariña" no que "a oferta das zonas de costa se complemente coas actividades culturais ou de natureza dos concellos do interior da comarca, como o Valadouro".
Fernando Blanco destacou o "impulso" dado dende a Consellería de Industria ao sector turístico na lexislatura que agora remata indicou que os 5,6 millóns de turistas logrados no conxunto de Galiza no último ano son "boa mostra do acerto nas políticas aplicadas".
Afirmou ademais que o "reto" na vindeira lexislatura é "aproveitar o Xacobeo 2010 para situar a Galiza no mundo a nivel turístico". "É unha oportunidade para promocionar a Galiza a nivel internacional que non debemos aproveitar", dixo. Explicou, a este respecto, que pese á situación de crise económica que estamos a vivir, e que afecta tamén ao sector do turismo, o número de turistas vinculados ao Camiño de Santiago incrementáronse o pasado ano préto dun 10%, polo que, dixo, "o Xacobeo 2010 tén que ser o empurrón definitivo para proxección internacional de Galiza".
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada