Moción do Bloque Nacionalista Galega para a rehabilitación e adecentamento
da tumba de Ramón Fernández Mato no cemiterio de Ferreira
A figura do político e escritor Ramón Fernández Mato está
vencellado á vila de Ferreira do Valadoro polo seu matrimonio cunha veciña da
vila e porque, logo do seu pasamento, foi soterrado no cemiterio de Ferreira.
Ramón Fernández Mato naceu na parroquia de Cespón (Concello de Boiro) o
13 de maio de 1889. Ensaísta, dramaturgo, xornalista e político. Realizou
estudos de Medicina nas Universidades de Santiago de Compostela e Madrid e
desde mozo comezou a colaborar na prensa. A vida literaria sería a súa
principal ocupación, xa que case non exerceu a Medicina.
Emigrou á Arxentina en 1914, país no que permaneceu durante catorce
meses. Foi colaborador do xornal La
Nación e das revistas Crítica e Caras y caretas. No xornal Correo de Galicia responsabilizouse da
sección "Retablo español". En colaboración co xornalista José R.
Lence escribiu a zarzuela La Galleguita,
con música do mestre Padilla foi estreada en abril de 1914. En colaboración con
Lence tamén escribiu a obra La conquista de América, obra que se
estreou o 7 de novembro de 1914. Xunto con Luis Sánchez Abal escribiu a comedia
La Retirada. En solitario foi autor
da comedia El Altar. O 13 de xuño
ditou unha conferencia sobre Rosalía de Castro no marco do festival organizado
pola Federación de Residentes de Teo en Sud América, nesta conferencia
Fernández Mato aproveitou para pedir a axuda dos emigrantes á construción dunha
estatua a Rosalía de Castro en Santiago de Compostela. Tras esta etapa de
residencia na Arxentina retorna a Galiza para se dedicar ao xornalismo.
Coa chegada da II República foi Gobernador Civil de varias provincias:
Ciudad Real, Málaga, Jaén e Cáceres. Foi tamén Director Xeral de Seguridade.
Nas eleccións de febreiro de 1936 saíu elixido deputado pola provincia de Lugo
en representación do Partido do Centro, formación política que encabezaba o
tamén galego Manuel Portela Valladares.
Co inicio de guerra civil vese na obriga de seguir o camiño do exilio.
Así, en novembro de 1936 chega á Habana. Na capital de Cuba foi colaborador do Diario de la Marina, onde se ocupou da
sección "España. Con los ojos del recuerdo". En 1943 saíu con destino
a Venezuela, comezando entón un periplo por varios países latinoamericanos.
Tras volver a Cuba, en 1948 fundou e dirixiu a revista Raíz. España en América. Durante a
década dos anos 50 foi un frecuente colaborador do periódico Prensa Libre. Foi asiduo colaborador de
medios como Cultura Gallega, Carteles, Vida Gallega, Eco de Galicia,
etc. Recibiu a Medalla de Ouro da Cruz Vermella Cubana. Foi nomeado académico
correspondente da Real Academia Gallega.
Vencellado á sociedade "El Valle de Oro", o 15 de marzo de
1954 foi elixido como secretario dunha comisión encargada de recadar fondos
para rematar a torre e o reloxo da igrexa de Ferreira do Valadouro. Do mesmo
xeito, participou na conmemoración do cincuentenario desta sociedade –lendo un
discurso no banquete de celebración− acontecido en 1957.
En 1963 regresou a España. Faleceu o 19 de novembro de 1980, sendo
soterrado no cemiterio de Ferreira do Valdouro, onde a súa tumba se atopa na
actualidade en mal estado de conservación.
Xa que logo, Ramón Fernández Mato foi unha figura de indubidábel valor,
tanto na sua fasquía de escritor, como no eido político, dado a súa relevancia
na defensa da democracia republicana.
En consideración ás liñas precedentes, o Bloque Nacionalista Galego
insta á Corporación municipal do Valadouro a adoptar as seguintes resolucións.
1. A Corporación municipal insta ao Goberno local a
rehabilitar e adecentar como se merece a tumba de Ramón Fernández Mato, en
atención á relevancia da súa figura como escritor e como valedor da causa da
democracia durante a Segunda República e no posterior exilio.
2. Tendo en conta os méritos que recaen en Ramón
Fernández Mato, a Corporación municipal do Valadouro declara a necesidade do
seu recoñecemento como fillo adoptivo do Valadouro (a título póstumo) e, como
necesaria lembranza da súa figura, insta ao Goberno local a que o seu nome
figure nunha rúa de Ferreira do Valadouro, vila na que se atopa soterrado e na cal residiu.
